Activity

Compostela Mural

Download

Trail photos

Photo ofCompostela Mural Photo ofCompostela Mural Photo ofCompostela Mural

Author

Trail stats

Distance
4.56 mi
Elevation gain
400 ft
Technical difficulty
Moderate
Elevation loss
256 ft
Max elevation
915 ft
TrailRank 
33
Min elevation
660 ft
Trail type
One Way
Coordinates
132
Uploaded
September 14, 2022
Share

near Conxo, Galicia (España)

Viewed 141 times, downloaded 2 times

Trail photos

Photo ofCompostela Mural Photo ofCompostela Mural Photo ofCompostela Mural

Itinerary description

Compostela mural é unha ruta cultural que dá a coñecer á cidadanía o conxunto de pinturas murais existentes na periferia de Santiago de Compostela. Estase a producir un auxe no movemento mural, polo que este itinerario é esencial para visibilizar as pezas e as creadoras máis destacadas da cidade.

Ruta oficial do Concello de Santiago

Waypoints

PictographMonument Altitude 915 ft
Photo of16 - 'Sen título' (2019), Ana Santiso

16 - 'Sen título' (2019), Ana Santiso

Mural realizado no 2019 por Ana Santiso na fachada noroeste do IES das Fontiñas. Está composto por diferentes escenas deportivas: ioga, natación, fútbol, baloncesto, balonmán, voleibol, tenis, ciclismo e carreiras. Nas actividades realizadas ao aire libre pódese apreciar a flora e a fauna, como dous mouchos, un cervo e un raposo. Ao longo da composición, de marcado eixo horizontal, un degradado transita entre o vermello, pasando polo laranxa, o amarelo e o verde, ata chegar ao azul, outorgándolle unidade a toda a obra. O estilo en toda a peza é lineal e naif, cunha estética apracible e delicada.

Ana Santiso é unha debuxante formada na Facultade de Belas Artes de Pontevedra e na Escola Massana de Barcelona. Actualmente é ilustradora, deseñadora, artista de belas artes e muralista.

PictographMonument Altitude 771 ft
Photo of2 - 'Sen título' (2018), Mou (Mutante Creativo)

2 - 'Sen título' (2018), Mou (Mutante Creativo)

Mural do ano 2018 realizado por Mou, de Mutante Creativo, na fachada noroeste do Centro Social do Castiñeiriño. Nel represéntanse dous corpos enlazados a través dunha aperta. Ambos forman a unión de dous opostos. O corpo alaranxado representa a luz, o cálido, mentres que o corpo negro, a escuridade. O fondo reflicte unha paisaxe láctea con estrelas e constelacións que lle proporcionan unidade ao conxunto, elevando as figuras a unha dimensión cósmica. O corpo laranxa alude á esperanza, á saída das tebras da enfermidade do VIH, xa que o mural foi realizado para conmemorar o día internacional da loita contra o virus.

Mou é un artista formado na Escola de Artes Pablo Picasso da Coruña. É director de Mutante Creativo, organizador de festivais de arte urbana, deseñador, muralista, ilustrador, fotógrafo e creador musical.

PictographMonument Altitude 768 ft
Photo of1 - 'Liberi' (2019), Mou (Mutante Creativo)

1 - 'Liberi' (2019), Mou (Mutante Creativo)

Liberi é un mural do ano 2019 realizado por Mou, de Mutante Creativo, na fachada sueste do Centro Social do Castiñeiriño. A obra representa o busto dunha muller coa parte superior da cabeza aberta, a partir do nariz, amosando o seu interior. O torso está rodeado por ramas e follas que levitan arredor da muller. Toda a composición fórmase sobre un fondo negro. Isto permite que os elementos, realizados cunha paleta cromática de tons suaves, destaquen da fachada creando sensación de volume en todo o mural. De camiño á próxima parada da ruta, no mesmo edificio, obsérvase o obradoiro mural impartido por Nove Noel.

Mou é un artista formado na Escola de Artes Pablo Picasso da Coruña. É director de Mutante Creativo, organizador de festivais de arte urbana, deseñador, muralista, ilustrador, fotógrafo e creador musical.

PictographMonument Altitude 763 ft
Photo of3 - 'Casa' (2021), Xoana Almar.

3 - 'Casa' (2021), Xoana Almar.

Casa é un mural realizado no ano 2021 por Xoana Almar na fachada sur do recuamento dun edificio de vivendas da rúa do Restollal. Na parte superior da composición represéntase unha muller sostendo un bebé no colo, sentada nunhas escaleiras. A paleta de cores é cálida, outorgando así un halo íntimo á pintura. Xoana Almar pinta esta escena para honrar a seu pai, autor da fotografía que inspirou este mural, no que figuran Xoana e a súa nai. Os elementos dispostos ao redor constitúen símbolos persoais que fan referencia ao seu pai, como os libros, o balón, os fouciños, unha botella de viño, aves e un peixe.

Xoana Almar fórmase na Escola de Artes e Oficios de Granada. En 2008 comeza o seu camiño como ilustradora. En 2011 retorna a Galicia e forma a cooperativa Cestola na Cachola xunto con Miguel Peralta.

PictographMonument Altitude 681 ft
Photo of4 - 'Sen título' (2021), Lily Brick.

4 - 'Sen título' (2021), Lily Brick.

Mural realizado no ano 2021 por Lily Brick, situado na fachada suroeste dun dos bloques da rúa de Jose Antonio Souto Paz. Nel represéntanse unha muller e un neno, ambas acubilladas nun paraugas mentres a choiva cobre todo o ceo. Asemade, aparece unha galiña nos brazos do neno e un caldeiro con ovos nos da muller. A obra ten escrito aos pés un verso de Sés: “Queremos curar a fendedura, olvidar a tristura e voltar comezar”. Nos elementos da composición albíscanse detalles propios do barrio da Pontepedriña: os ovos de pato, coñecidos polos pasteis da Casa Mora e o paraugas que cobre as protagonistas, “sete parroquias”. O fondo é o río Sar.

Lily Brick é o nome artístico de Mireia Serra i Bernadó (Lleida, 1990), artista e muralista coñecida por realizar as súas obras en espazos rurais reivindicando o papel da muller no campo.

PictographMonument Altitude 712 ft
Photo of5 - 'Sen título' (2021), Medianeras Murales

5 - 'Sen título' (2021), Medianeras Murales

Mural realizado no ano 2021 por Medianeras Murales na fachada oeste dun edificio da rúa de María Miramontes. Representa a sección dunha cabeza anónima, cortada á altura dos ollos, asolagada na parte superior por unhas ondas psicodélicas mentres que na inferior se asenta sobre un cuarto baleiro. O mural reflicte os pensamentos caóticos e incompletos que está a ter a protagonista, facendo referencia de xeito metafórico aos discursos que están a acontecer no Psiquiátrico, que tan propios son das narrativas do barrio. É froito do proxecto de 7H Cooperativa Cultural “Elas tamén pintan”, un programa artístico e didáctico feminista.

Medianeras Murales é un dúo conformado pola arquitecta Vanesa Galdeano e a licenciada en arte Analí Chanquía, dúas creadoras arxentinas residentes en Barcelona, que interveñen alterando o espazo público.

PictographMonument Altitude 751 ft
Photo of6 - 'Sen título' (2020), Dúo Amazonas

6 - 'Sen título' (2020), Dúo Amazonas

Mural realizado no ano 2020 polo Dúo Amazonas na fachada nordeste dun baixo comercial. Representa unha escena emotiva entre dúas persoas. Trátase dunha muller de avanzada idade que agarra polo pescozo un rapaz novo, de faciana triste, con compaixón, achegándose a el dun xeito emotivo. A obra asenta as súas raíces na propia contorna, xa que reproduce unha fotografía da catalá Anna Turbau realizada no Hospital Psiquiátrico de Conxo a finais dos anos setenta, tomada coa intención de facer visibles os coidados dados polas familias e polo persoal sanitario no centro ás persoas ingresadas no Psiquiátrico.

Dúo Amazonas é un colectivo composto por dúas escenógrafas e artistas visuais, a arxentina Natalia Andreoli e a colombiana Lina Castellanos, formada tamén nun mestrado en estudos de xénero na UAM.

PictographMonument Altitude 747 ft
Photo of7 - 'Soledad, a Poppins de Sar ' (2019), Yoseba MP

7 - 'Soledad, a Poppins de Sar ' (2019), Yoseba MP

Soledad, a Poppins de Sar é un mural realizado no 2019 por Yoseba MP, situado na fachada sueste dun edificio de Romero Donallo. Representa a unha muller voando cun paraugas mentres, ao fondo, o horizonte arquitectónico da cidade xacobea contempla como ela suca o ceo. É de estilo realista mesturado co surrealismo. O mural fai referencia a Soledad. A súa neta, María von Touceda, afirmaba que súa avoa tiña varios superpoderes. Un deles era o de non mollarse nunca coa choiva, por moita tormenta que fixese. O mural intégrase na serie Fenómenos do rural, onde amosa avoas senlleiras ás que atribúe poderes sobrenaturais.

Yoseba Muruzábal (Cambre, A Coruña) licénciase en Belas Artes pola Universidade de Vigo. Actualmente é un dos máximos representantes da arte contemporánea de Galicia.

PictographMonument Altitude 702 ft
Photo of8 - 'Sen título' (2017), Miguel Peralta (Cestola na Cachola)

8 - 'Sen título' (2017), Miguel Peralta (Cestola na Cachola)

Mural realizado no ano 2017 por Miguel Peralta, de Cestola na Cachola, na fachada sueste dun edificio de vivendas da rúa de Amor Ruibal. A obra representa unha muller con actitude pensativa que sostén nas mans unha sorte de recipiente do que brota vexetación, baixo un fondo policromado de cores pastel. Este mural destaca polo tratamento das cores, que crean unha atmosfera onírica na que a muller xoga o papel mais relevante na narrativa da obra. Cabe destacar a representación de peixes no recipiente que sostén a muller, animal convertido na imaxe máis icónica da súa primeira etapa de grafiteiro.

Miguel Peralta (Almería), tamén coñecido como Nömada, fórmase na Escola de Artes e Oficios de Granada. En 2011 afíncase en Galicia e constitúe a cooperativa Cestola na Cachola xunto con Xoana Almar.

PictographMonument Altitude 715 ft
Photo of9 - 'Crisálida' (2016), Mutante Creativo

9 - 'Crisálida' (2016), Mutante Creativo

Crisálida foi realizado no ano 2016 por Mutante Creativo na fachada noroeste de Bodegas Siso. A composición está asolagada por un monstro que sae dunha paisaxe con ondas. É un organismo formado por múltiples ramificacións que se expanden organicamente polo espazo e das que emanan gromos con ollos. Asemade, completando o mundo onírico e fantástico da peza, unha serie de prismas triangulares abstractos e amarelos rompen o espazo, espallados pola composición. A obra alude á propia definición do colectivo Mutante Creativo, un organismo multidisciplinar con varios ollos e extremidades capaces de levar a cabo traballos diversos.

Mutante Creativo é un colectivo multidisciplinar especializado na realización de murais, comisariado e organización de eventos internacionais de arte urbana, como o Desordes Creativas, en Ordes.

PictographMonument Altitude 706 ft
Photo of10 - 'Sen título' (2017), Farid Rueda

10 - 'Sen título' (2017), Farid Rueda

Mural realizado no ano 2017 por Farid Rueda na fachada noroeste dun edificio da rúa de Amor Ruibal. Representa o rostro dun exemplar dos Panthera leo cun estilo definido por unha mestura entre a figuración e a abstracción que converte o rostro deste animal nunha sorte de máscara de entroido. O tratamento da cor destaca por riba da figura do animal, xa que o emprego de cores vivas inunda de luz a gris fachada do inmoble. O mural só é visible dende certas perspectivas, a pesar da súa grande altura, e crea unha atmosfera rica que recorda ao uso da cor da cultura mexicana, lugar de procedencia do artista.

Farid Rueda (México) é un artista visual que destaca pola representación da cultura mexicana sen caer nos estereotipos europeos. A súa obra está composta por animais deseñados con cores rechamantes.

PictographMonument Altitude 764 ft
Photo of11 - 'Camiñantes' (2019), Miguel Peralta (Cestola na Cachola)

11 - 'Camiñantes' (2019), Miguel Peralta (Cestola na Cachola)

Camiñantes é un mural realizado no 2019 por Miguel Peralta na fachada sur e leste da Escola Infantil Tras Parlamento. Nel represéntanse tres personaxes non naturais, dous peixes e un ser do futuro, inseridos nunha escena fantástica onde percorren diferentes edificacións futuristas e árbores abstractas. Un dos peixes sae do casco do ser, mentres que da súa faciana parte luz, iluminando a escena. Tamén sostén unha vasoira, a modo de bruxa, e unha correa na outra man para evitar a fuga dun dos peixes. Desta pintura resalta a súa poética do visual, xunto coa enorme e seleccionada variedade cromática que posúe.

Miguel Peralta (Almería), tamén coñecido como Nömada, fórmase na Escola de Artes e Oficios de Granada. No 2011 afíncase en Galicia e constitúe a cooperativa Cestola na Cachola xunto con Xoana Almar.

PictographMonument Altitude 740 ft
Photo of12 - 'Sen título' (2020), Mou (Mutante Creativo)

12 - 'Sen título' (2020), Mou (Mutante Creativo)

Mural realizado no ano 2020 por Mou xunto con alumnado de Bacharelato do IES de Sar, no peche exterior norte do centro. Representa o rostro dun home de avanzada idade, con liñas claras e delimitadas, cores planas e suaves, acompañado por unha paisaxe abstracta. Con este mural, o IES de Sar buscou reivindicar a Isaac Díaz Pardo. O artista e intelectual foi clave na renovación da cultura galega durante o franquismo. Tras a constitución do Laboratorio de Formas en 1963 en Arxentina, xunto a Luís Seoane e logo a Andrés Fernández-Albalat, recuperou a produción da cerámica de Sargadelos en colaboración con Cerámicas do Castro (1963), entre outros proxectos.

Mutante Creativo é un colectivo multidisciplinar especializado na realización de murais e comisariado e organización de eventos internacionais de arte urbana.

PictographMonument Altitude 741 ft
Photo of13 - 'Sen título' (2019), Pilof

13 - 'Sen título' (2019), Pilof

Mural realizado no ano 2019 por Pilof, situado na fachada principal norte da vivenda do CSA de Sar. Representa a unha nereida, de parte superior antropomorfa feminina e inferior de cola de peixe bífida. O ser posúe tres ollos na faciana, dous na cola de peixe e un no pulso. Amósase co peito descuberto e ornamentado. O seu cabelo dispárase verticalmente como se estivese descendendo ás profundidades do océano. A creadora sóubose adaptar aos elementos da fachada. As súas vivas cores azuis e violáceas contrastan co gris escuro dos liques do granito e co branco desgastado do encalado da vivenda, resaltando na fachada.

Pilof é unha artista, deseñadora, ilustradora, muralista barcelonesa, que actualmente se dedica á tatuaxe. Viviu catro anos en Santiago mais agora estableceuse en Granada.

PictographMonument Altitude 781 ft
Photo of14 - 'Conxunto mural do IES Antón Fragias' (2017), Varios Autores

14 - 'Conxunto mural do IES Antón Fragias' (2017), Varios Autores

Conxunto mural realizado no ano 2017, na cara sur do peche perimetral exterior do IES Antón Fraguas de Fontiñas. Neste lenzo atópase unha obra surrealista de Liqen, a personificación dun solpor, xunto cunha obra poética de Miguel Peralta, a efixie dun sol cuberto por un paraugas de constelacións, deitado sobre nubes. Ocupando o lenzo restante, Nove Noel deseña un loro dinámico que se disolve nunha abstracción futurista e Miguel Peralta elabora unha obra formada por tres persoas de perpiaño. O resto do peche do IES Antón Fraguas está composto por diversas intervencións murais que van dende o 2013 ata a actualidade.

O conxunto mural está realizado baixo a autoría dos artistas: Nömada (Miguel Peralta), Nove Noel e Liqen. Os tres, grandes expoñentes do muralismo galego, unidos baixo un mesmo lenzo.

PictographMonument Altitude 879 ft
Photo of15 - 'Sen título' (2016), Yoseba MP

15 - 'Sen título' (2016), Yoseba MP

Mural realizado no ano 2016 na fachada noroeste do CEIP das Fontiñas por Yoseba MP. A composición está formada por unha escena onde unha avoa ataviada coa vestimenta habitual do rural galego, como protagonista e única figura, expulsa ondas dos seus ollos en dirección a un polo depenado e suspendido no aire. Detrás da acción observamos o patrón de azulexos típico das cociñas tradicionais galegas. O mural amosa a historia dunha señora coñecida como A Carabela, mais renomeada co alcume de Balbina no propio colexio de Fontiñas. Mestura a técnica realista co surrealismo e intégrase dentro da súa serie Fenómenos do rural.

Yoseba Muruzábal (Cambre, A Coruña), licénciase en Belas Artes pola Universidade de Vigo e actualmente é un dos máximos representantes da arte contemporánea de Galicia.

Comments

    You can or this trail