Activity

Igrexas, capelas e ermidas

Download

Trail photos

Photo ofIgrexas, capelas e ermidas Photo ofIgrexas, capelas e ermidas Photo ofIgrexas, capelas e ermidas

Author

Trail stats

Distance
33.2 mi
Elevation gain
4,577 ft
Technical difficulty
Moderate
Elevation loss
4,662 ft
Max elevation
1,440 ft
TrailRank 
26
Min elevation
10 ft
Trail type
One Way
Time
3 hours 32 minutes
Coordinates
504
Uploaded
November 28, 2018
Recorded
November 2018
Share

near Gondomar, Galicia (España)

Viewed 1148 times, downloaded 30 times

Trail photos

Photo ofIgrexas, capelas e ermidas Photo ofIgrexas, capelas e ermidas Photo ofIgrexas, capelas e ermidas

Waypoints

Photo ofParroquial de San Bieito de Gondomar

Parroquial de San Bieito de Gondomar

A actual construíuse integramente no XIX e sufriu reformas e ampliación en altura na transición ao XX. Máis tarde incorporóuselle unha capela na cara norte. Presenta un ecléctico estilo historicista, con torre campanario na rúa central da fachada occidental rematado en agulla octogonal. Hai algunhas décadas, para o seu demérito, perdeu os encalados exteriores e interiores. Emprázase sobre unha plataforma amparada por muros de contención de terras realizados en granito, algúns dos cales probablemente sexan coetáneos ao templo e outros de cando o arquitecto Jenaro de la Fuente se encarga de ensanchar, segundo proxecto redactado en 1889, as escalinatas e o modesto camiño de acceso que aberto pouco máis de 25 anos antes chegaba a elas. Aínda non se atopou documentación ao respecto que o certifique pero o máis lóxico é pensar que a anterior igrexa ocupase o mesmo lugar, máis ou menos, se ben con menores dimensións. Inda sendo moi estraño, daquela unicamente se conserva na actual unha imaxe barroca de San Gregorio, do século XVII, que é a peza de imaxinaría máis relevante do templo. Outra versión, transmitida por tradición oral, asigna a orixe desta imaxe a un pequeno templo ou capela, totalmente desaparecido, situada nas Senras, en Bade. De ser certa esta tese aínda complicaría máis a explicación de falta de antecedentes recentes daquel templo ao que o primeiro conde de Gondomar, no seu testamento, cede un vaso de prata dourada que lle regalara o rei de Francia para que se utilice de custodia; ou ao que a súa nai, tamén no seu, vinte e nove anos antes, en 1596, asigna certa cantidade de aceite anual para as lámpadas do Santísimo Sacramento. Agás a localización dalgunhas pedras reutilizadas nos actuais muros, que queremos entender dunha igrexa precedente, nada sabemos dela nin do antigo cemiterio que habería de acompañala. As únicas noticias dun templo anterior achégaas un documento medieval conservado en Tui e citado neste traballo varias veces a través do cal o conde de Galicia D. Raimundo e a entón infanta Dona Urraca ceden as súas propiedades en Vilaza no ano 1106. Nel fálase da igrexa da Paradela de Gondomar que, polo tanto, e no grao de sinxeleza que fose, sería canto menos románica, e sitúaa nun lugar que aproximadamente coincide co actual. Non obstante a advocación recollida aínda non era San Bieito senón San Salvador, isto é, Cristo, advocación propia do santoral hispano antigo anterior á crise do século VIII. En consecuencia, a advocación actual é posterior a 1106 e niso quizais puido ter intervención o mosteiro beneditino de Donas, fundado a mediados do século XII e activo ata finais do XV.

PictographReligious site Altitude 909 ft
Photo ofCapela dos Remedios.

Capela dos Remedios.

Aínda que na parroquia todos lle chaman capela, o historiador Ávila y La Cueva refírese a ela como ermida. É de planta rectangular con ábsida da mesma xeometría e menor altura. A volumetría é totalmente simétrica e foi resolta con soltura e solvencia nun estilo claramente barroco polo mestre canteiro, reconstruíndoa sobre outra anterior segundo indica a lenda da portada principal: REEDIFICOSE ESTA OBRA SIENDO CURA DN JPH DURAN AÑO 1768 Como en tantas outras ocasións, non se respectaron os revestidos e encalados da fábrica pétrea. Ante ela ábrese o antigo torreiro, hoxe moi aumentado.

PictographReligious site Altitude 679 ft
Photo ofParroquial de San Cristovo de Couso.

Parroquial de San Cristovo de Couso.

Segundo Ávila y La Cueva a primeira noticia desta igrexa data de 1156. A actual, atendendo á inscrición da ábsida (1731) foi construída, polo menos parcialmente, no primeiro terzo do XVIII. Máis tarde, como sempre sucede, veríase sometida a múltiples reformas e ampliacións. Entre as últimas han de citarse a sancristía e o baptisterio da fachada norte unidos por un pórtico cuberto que apoia nunha columna central oitavada. Tanto a nave como a ábsida son de planta rectangular. Entre as reformas deben citarse o tapiado da porta da fachada setentrional, as de restauración de 1906 citadas na inscrición do muro sur e a substitución da antiga espadana, de dobre van, pola torre-campanario cadrada actual. É unha edificación sinxela, sen apenas adornos, na que destaca a porta en arco de medio punto. Entre a imaxinaría sobresaen dúas pezas barrocas: San Xoaquín e Santa Ana.

PictographReligious site Altitude 390 ft
Photo ofIgrexa de San Miguel de Peitieiros

Igrexa de San Miguel de Peitieiros

No interior localízanse varios perpiaños con marcas de canteiro que poderían ser testemuño dunha procedencia medieval, se ben é certo que este tipo de marcado do traballo en pedra se seguiu utilizando, con símbolos máis sinxelos e máis xeométricos, durante parte da Idade Moderna. Tamén na reconstruída portada principal existen restos románicos de orixe incerta. Antes da reconstrución, alá polos anos corenta do século pasado, a fachada, seguramente outra reconstrución do XIX, rematada en dobre espadana, tiña como porta un sinxelo paso rectangular sen o máis mínimo vestixio románico; logo, entra dentro do posible pensar que estes restos puidesen proceder de material almacenado a raíz dalgunha reforma anterior, quizais esa do XIX, reafirmando deste xeito a orixe medieval do templo; algún autor sitúao no XII. Aínda así, fontes orais da parroquia atribúen estes restos á portada da ermida de Santa María do Crasto, que en tempos parece existiu no Curuto, lugar que visitaremos nesta ruta; nada hai confirmado pero a dimensión das arquivoltas parece excesiva para a portada dunha pequena ermida. Outras fontes asignan esa mesma procedencia á peza que cobre o tímpano da actual portada, unha representación do Calvario con Cristo crucificado no centro e a Virxe e San Xoán nos extremos. En todo caso, unha parte importante da fábrica da actual igrexa, entre as que se contan as capelas do cruceiro e a maior coas súas bóvedas graníticas, é de traza barroca, pode que do XVIII conservando tamén no interior manifestacións artísticas dese período, das cales a cruz procesional, restaurada en 1742, e o retablo da Virxe do Carme son as de maior categoría. É destacable a solución dada á capela maior ou ábsida, con máis altura que a nave e tamén cun bo traballo de cantería, que dalgún xeito a emparenta coa igrexa de Mañufe. As cornixas dos brazos do cruceiro e da ábsida son todas distintas, circunstancia que debe entenderse como correspondente a distintas etapas de construción. A torre e campanario corresponden á reconstrución da fachada que unha galerna obrigou a realizar no XX.

PictographReligious site Altitude 499 ft
Photo ofParroquial de Santiago de Morgadáns.

Parroquial de Santiago de Morgadáns.

Ocupa o lugar de maior altura do barrio da Pedra. Existe documentación que acredita a existencia doutro templo no mesmo lugar no século XII do cal nada queda. Non obstante consérvanse no ámbito laudas pertencentes ao cemiterio medieval. A principios do XVIII a capela maior do antigo templo presentaba defectos de estabilidade que propician un recoñecemento técnico por parte do mestre en cantería e arquitectura Serapio Lorenzo, de Cotobade. Na década dos sesenta do mesmo século Juan Fernández, escultor de Baiona, executa un retablo para a citada capela. Case un século despois, en 1853, decídese substituír o templo debido á ameaza de ruína que presenta. Dous anos máis tarde xa se construíra o actual nun estilo ecléctico de base clasicista con ecos historicistas do barroco. A nave, rectangular, está dividida en catro tramos mediante arcos faixóns ou perpiaños sobre pilastras e teitada con bóveda de medio punto construída en granito, circunstancia que obrigou aos muros de peche a ter un espesor de 1,60 m. A cabeceira, orientada a nacente, remata en ábsida de maior altura ca nave. Ao muro setentrional péganse unha capela e a sancristía. A fachada principal componse a partir dunha rúa central rematada en espadana de dobre corpo bordeada por balaustrada de pedra. No arranque sitúase a porta de acceso, rectangular con arco alintelado, cuberta cun falso dosel granítico. No interior conserva tres retablos dos cales o de maior interese é o barroco dedicado ao Sagrado Corazón e formando parte deles algunhas pezas de imaxinaría de contrastada calidade e interese, seguramente procedentes do templo anterior, como as de Santo Amaro, San Bieito, San Pedro e, sobre todo, a de Santiago Apóstolo, do século XVII, sentado con libro e bordón. No adro do templo mantéñense en aceptable estado de conservación os restos pétreos do anterior cemiterio da parroquia e inmediato e el a casa reitoral brasonada cedida no século XVIII polo cura párroco Andrés Arias Saavedra Villamil y Bolaño. Fronte á porta de acceso á igrexa mantense un monólito de homenaxe ao Padre Hermida executado por Xesteira e promovido por unha comisión na que se integraba Victoriano Taibo. Manuel Hermida Pérez, presbítero salesiano de amplo currículo, nacera na parroquia en 1849. Aos pés do muro que pecha o primitivo cemiterio polo lateral de nacente, consérvanse restos de tres laudas procedentes do desaparecido cemiterio medieval. Unha delas, cunha cruz de Malta inscrita nun círculo gravada nunha das caras, atópase arrimada ao muro coa base parcialmente embebida na soleira de formigón do recinto de festas. Os demais restos, colocados en horizontal, forman parte do recheo baixo as escaleiras que ao lado da anterior dan acceso ao adro dende o Camiño da Misa.

PictographReligious site Altitude 1,427 ft
Photo ofCapela de San Xosé

Capela de San Xosé

Segundo documentos do arquivo municipal de Gondomar, a capela foi construída a instancia dos veciños tras obter estes o visto bo de instancias superiores. Erguerase nun lugar duns "10 ferrados" doados para a causa pola corporación municipal no ano 1864. É de planta rectangular e na fachada norte posúe un anexo para a sancristía. A nave ten cuberta a dúas augas coa fachada principal rematada en espadana de dobre van para dúas campás. A sancristía cóbrese a tres vertentes. O templo oriéntase segundo o costume atendendo á dirección leste-oeste pero, estrañamente, coa porta principal situada na fachada nacente, xusto ao contrario do habitual. Ante a porta sempre existiu unha cruz alta á que os veciños chaman cruceiro. Este é o punto de xiro nas procesións de conmemoración. San Xosé de Prado é anexo da parroquial dende 1904.

PictographReligious site Altitude 1,158 ft
Photo ofCapela da Auxiliadora.

Capela da Auxiliadora.

Sitúase no Pouso, unha pequena plataforma de pouca elevación que ofrece amplas vistas sobre O Galiñeiro. É de planta rectangular e non presenta valores arquitectónicos dignos de mención. Na fachada norte ten pegado un cubículo para sancristía. A súa construción é consecuencia do interese dunha comisión de veciños que conseguen celebrar a cerimonia de inauguración o 29 de maio de 1994, último domingo do mes no que todos os anos terán festa en honra a María Auxiliadora. Un ano antes Manuel González Dasilva, un dos compoñentes da comisión precursora, elaborara en pedra de Fonte da Prata o cruceiro do Pouso que coloca a pouca distancia e doa o barrio.

PictographReligious site Altitude 433 ft
Photo ofCapela de San Roque

Capela de San Roque

Sábese que en 1754 xa existía unha capela coa mesma advocación no lugar que posiblemente debido a problemas estruturais se volve construír dende os alicerces en 1821, data na que a parroquia estaba constituída en concello. Máis tarde sufriría varias reformas entre as que se conta a ampliación da cabeceira para acomodar a sancristía. Ten planta rectangular, moi sinxela, con cuberta a dúas augas. O recinto de festas é consecuencia duns movementos de terras co obxecto de obter unha plataforma practicamente horizontal. Para iso executáronse muros de contención en pedra, varias veces modificados. Tamén, polo lateral norte, colocáronse muretes de delimitación do recinto en pedra de granito complementados posteriormente con grandes bloques de formigón en masa que aínda se conservan. Neste recinto celébranse as festas na honra a San Roque e da Virxe do Libramento.

PictographReligious site Altitude 413 ft
Photo ofParroquial de Santa María de Chaín

Parroquial de Santa María de Chaín

Nada se sabe da fundación da igrexa. Só o libro de bautizos nos asegura a súa existencia a inicios do XVII, se ben a súa procedencia o máis probable é que sexa medieval. En todo caso, nada queda do primitivo templo. O actual é unha reconstrución, posiblemente integral, de mediados do XIX, segundo consta nunha lenda da fachada occidental: REEDIFICADA EN 1860/ABAD D. MANUEL ANT./ALVARES NAT. DE TUI. Trátase dunha edificación de planta rectangular onde a ábsida exteriormente só se detecta pola súa maior altura. Interiormente a nave e o presbiterio, de igual anchura, quedan separados por un arco de medio punto directamente apoiado sobre pilastras. A fachada de acceso está enmarcada por dúas pilastras rematadas en senllos pináculos asentados en molduras curvas que soben ao pé da espadana de dobre van e un só corpo como remate da composición. Posteriormente engadiuse un segundo corpo en ladrillo revestido e tratado a imitación de pedra. A composición inicialmente lineal da planta viuse modificada coa incorporación de dúas pezas na cara meridional: unha para capela e a outra para sancristía. Toda a igrexa foi construída seguindo un levísimo gusto barroco. No interior conserva a pía bautismal do antigo templo.

PictographWaypoint Altitude 541 ft

New waypoint

PictographReligious site Altitude 541 ft
Photo ofCapela das Mercés

Capela das Mercés

Non se coñece a data de fundación. Tampouco está claro se en orixe sería unha capela ou unha ermida. Só se sabe que a mediados do XIX era propiedade do abade Manuel Antonio Álvarez que en testamento datado en 12 de marzo de 1866, xa abolidos señoríos e morgados e practicadas todas as desamortizacións, doa a capela e terreo circundante á parroquia. Segundo isto podería pensarse que naceu a consecuencia da fundación dunha capelanía a cal a esa altura xa perdera a súa dotación e o poder recadador. Tras detida observación da fábrica pódese afirmar que a nave sufriu unha ampliación ou reconstrución, con posible desprazamento da cornixa, e o tapiado de dúas pequenas ventás en senllos muros laterais. A ábsida actual é posterior á nave. E a pedra da espadana e os remates, que parecen da mesma calidade e gran fino, é diferente á do resto da edificación. Por último comentar que o tipo de pedra dos dous escudos de armas que aparecen na fachada occidental é distinta das dúas citadas anteriormente. Entre as insignias mostradas por estes brasóns, cuxa colocación no muro parece algo artificiosa, están as dos Castro. Recentemente, a principios de milenio, a capela foi sometida a novas obras de reforma. Ocupa un lugar de amplas vistas en dirección sur ao que se chegaba por unha serpeante escaleira pétrea dende A Fonte da Santa. Todo o recinto polos laterais sur e oeste, os de maior desnivel, están pechados por muretes de pedra. Dende hai décadas a citada fronte sur está parcialmente ocupada por un palco que xa hai tempo debeu desaparecer. Pola contra, ao seu lado un magnífico carballo dá complemento de sombra aos falsos plátanos que aínda quedan.

PictographReligious site Altitude 404 ft
Photo ofCapela da Soidade

Capela da Soidade

Foi fundada por Francisco Ferreira de Castro, abade de Cabral, no século XVII e formou parte do morgado de “Torrequemada”. Ante o presbiterio consérvase a tumba do fundador selada por un escudo coas insignias dos Castro. A mediados do XVIII era o seu capelán o presbítero de Chaín Fernando Troncoso y Acuña. Antes, en 1730, a súa irmá Teresa casaría nesta capela con Julián Méndez. En 1862, unha vez abolidos os morgados, foi adquirida polo médico de Gondomar Manuel Moreira Alonso. Sería o seu fillo Dámaso, tamén médico, quen a reconstruiría no ano 1900 conferíndolle o aspecto actual. Na primeira metade do XX, ante ela celebrábase a romaxe e festa na honra á Virxe da Soidade cuxa última edición tivo lugar na década dos corenta. No adro tamén existiu un campo de birlos celtas.

PictographReligious site Altitude 774 ft
Photo ofIgrexa de Santa Mariña de Vincios

Igrexa de Santa Mariña de Vincios

A edificación actual componse de tres partes: nave, ábsida e sancristía. A nave é a que conserva a totalidade dos restos románicos. Trátase dunha caixa de finais do século XII, ou quizais principios do XIII, de planta rectangular, á que en orixe se accedía por tres portadas situadas a norte, sur e poñente. Esta última é a principal, resolta mediante tres arquivoltas para arco de medio punto apoiadas sobre xambas rectas. Non existe a máis mínima decoración. Os accesos laterais, iguais entre si, redúcense a un oco rectangular ao exterior, rematado en arco de medio punto ao interior. Na parte alta da nave, nos muros norte e sur, consérvanse dúas seteiras de total austeridade resoltas con derramo interior. É posible que en ambos os dous muros se perdesen outras dúas como consecuencia de apertura, no século XIX, de respectivos ocos de maior tamaño aínda conservados. No muro piñón, sobre o arco triunfal, puido existir outra, segundo parece indicar o tapiado exterior. A nave remata en cuberta con estrutura de madeira asentada sobre cornixa en chafrán que descansa sobre liñas de canzorros a norte e sur, todos, agás dous, exentos de decoración e con forma de proa de barco. No vértice do muro piñón consérvase a cruz antefixa románica. A ábsida, parcialmente baixo terra, constrúese, pode que substituíndo a deteriorada románica, a mediados do século XVI por mandato do bispo Diego de Torquemada na visita pastoral que efectúa en 1567. Era entón párroco Gonzalo de Cortiñas cuxo apelido, e a data de remate (1568), quedaron gravados baixo un dos arcos faixóns ou perpiaño que sustentan a bóveda. Presenta planta rectangular e cuberta a dúas augas. O terceiro corpo, a sancristía, foi engadido no século XVIII en estilo barroco. Na primeira década do novo milenio leváronse a cabo obras de rehabilitación tuteladas pola Comisión de Patrimonio a consecuencia das cales, e doutras iniciadas en 1993, descubríronse e se restauraron as pinturas murais que cobren o cabeceiro da ábsida, unha representación de Cristo na Cruz sobre unha Última Cea, que viñeron completar ás atopadas sobre o arco triunfal, unha representación de Cristo Resucitado.

PictographReligious site Altitude 715 ft
Photo ofCapela de Santa Lucía

Capela de Santa Lucía

Segundo inscrición conservada na propia capela, érguese no lugar que agora ocupa en 1828; antes asentouse aos pés do Galiñeiro. Conta a lenda que naquel lugar inmediato á que foi calzada real Baiona-Val da Louriña, coñecido aínda como Santa Lucía, onde agora existe un escanastrado picadeiro cabalar, apareceuse un día a santa, polo que pouco despois, con intención de honrala, rematou por levantarse un minúsculo oratorio; situouse no lugar que agora ocupa o mencionado picadeiro. Co paso do tempo ese oratorio sería trasladado ao lugar da Serra, o actual, e despois varias veces ampliado. No ámbito da "aparición" existen varios petróglifos que dalgún modo poderían estar detrás do suceso coa idea de cristianizar o lugar.

PictographWaypoint Altitude 545 ft

New waypoint

PictographReligious site Altitude 131 ft
Photo ofParroquial de Santa María de Vilaza

Parroquial de Santa María de Vilaza

Esta parroquia, que foi couto no século XII e posúe numerosos e moi importantes pazos, non ten gran arquitectura relixiosa. A parroquial é unha edificación de traza humilde, tanto a nivel de planta coma nos alzados. A planta é un rectángulo con orientación nacente-poñente á que se lle pegou, na fachada setentrional, a sancristía. A capela maior, tamén rectangular, ten superior altura que a nave e cuberta a catro augas apoiada nunha cornixa perimetral de distinta moldura ao resto da edificación. Isto podería ser consecuencia das distintas etapas construtivas e reconstrucións sufridas. Sábese que a igrexa actual foi reconstruída sobre outra anterior, máis pequena, no XIX, sendo a fachada occidental, trazada nun esquemático cruzamento de estilos barroco e neoclásico, de 1821. Esta fachada é case igual á de Santa María de Chaín, levantada en 1860. Sobre a porta da reitoral consérvase o lintel da anterior datada en 1749, casualmente o mesmo ano en que se construíu a portada de acceso ao pazo de Piñeiro, en Peitieiros.

Photo ofIgrexa de San Vicente de Mañufe

Igrexa de San Vicente de Mañufe

A primeira noticia desta igrexa procede de mediados do século XII, se ben, posiblemente, os restos máis antigos do templo sexan unha parte do muro sur da nave principal que en todo caso son moi posteriores, seguramente da Idade Moderna. É probable que inicialmente a igrexa tivese planta lineal, rematada nunha capela maior ou ábsida. Foi a consecuencia das profundas obras de reforma e mellora efectuadas en 1722 que probablemente se introduce o cruceiro, coa incorporación das naves laterais, e, algo despois, constrúese a actual capela maior ao tempo que se dota a obra do unitario estilo barroco que actualmente a caracteriza, converténdose no principal exemplo relixioso deste movemento arquitectónico no municipio. Algo máis tarde introdúcese no cuadrante sueste outro cubículo para localización da sancristía. Exteriormente a ábsida presenta maior altura que o resto das naves e gran traballo de cantería, sobre todo nos capiteis compostos das pilastras de esquina e nunha curiosa ventá do vento norte. Similar pericia presentan os traballos da fachada occidental rematada en torre-campanario pechada por cupulín. Conta a tradición que, de tan satisfeito tras ver o seu traballo, o mestre canteiro desta, de orixe portuguesa para máis sinais, quixo deixar constancia de si e autorretratouse coroando o citado cupulín mentres sostén unha cruz que serviu de base a un cataventos. Interiormente, os teitos están resoltos a base de bóvedas, de distinta tipoloxía formal, materializadas en ladrillo cerámico e madeira, en ambos os dous casos rematadas con revocadura e pintura. Baixo o arco triunfal conserva dous púlpitos, un a cada lado, coroados por respectivos tornavoces decorados. Ademais, o templo acubilla excelente imaxinaría do XVII ou XVIII como, por exemplo, un Cristo Resucitado e un san Vicente. Actualmente a igrexa, seguindo unha inculta moda, foi desposuída dos encalados exteriores e interiores tan propios do barroco galego e, ademais, substituíuselle a tradicional porta de madeira por unha reixa metálica.

PictographReligious site Altitude 144 ft
Photo ofErmida de San Sebastián.

Ermida de San Sebastián.

No Arquivo Diocesano de Tui consérvanse documentos datados entre 1716 e 1957 da confraría radicada nesta ermida, responsable de fomentar e soster o culto ao citado mártir. A ermida sitúase no Portelo, sobre unha terraza que domina en dirección norte a veiga agrícola da parroquia cara ao Miñor. A localización é moi similar ao da próxima Pousa de Moldes. Trátase dunha pequena edificación de 287 m2, de planta rectangular, grosos muros e cuberta a dúas augas. A fachada poñente presenta portada en arco de medio punto apoiado sobre xambas e sobre a porta, rematando o muro piñón que a conforma, aparece unha minúscula espadana baixo a que se empraza un pequeno nicho que dá acubillo a unha imaxe pétrea de San Sebastián, bastante erosionada, posiblemente do século XVIII. A capela cando menos é do século XVII e foi fundada por devoción popular sen, ata a data, existir confirmación da causa que a impulsou. No recinto de festas existe un cruceiro que foi recomposto en 1971 con restos dunha estación do viacrucis da parroquial. Na base do varal, formando parte dunha inscrición devocional máis extensa, lese a data de erección do primeiro deles: 1637, quizais a mesma que a capela.

PictographReligious site Altitude 413 ft
Photo ofCapela de Santo André

Capela de Santo André

Segundo Ávila y La Cueva esta ermida podería ser consecuencia e reconstrución dalgún outro templo anterior correspondente á extinta parroquia de Santo André de Saraes, citada no século XII e máis tarde seguramente anexada á actual de Mañufe. É un pequeno templo de planta rectangular, sen apenas ocos e sen contrafortes, no que destaca a porta de entrada baixo arco rebaixado colocada entre dous pequenos ocos cadrados de ventilación. Rematando a fachada principal, sobre o cumio da cuberta unha espadana dun só van para a campá. Enfrontados á ábsida e a porta de acceso atópanse senllos cruceiros sen figuración. O máis sinxelo e seguramente máis antigo antecede á ermida que como tantas veces ocupa un lugar de dominio sobre o territorio.

PictographReligious site Altitude 220 ft
Photo ofIgrexa monástica de Santa Baia das Donas

Igrexa monástica de Santa Baia das Donas

É o único que se conserva do mosteiro fundado a mediados do século XII e abandonado a finais do XV, cando as monxas da orde beneditina se concentran en San Paio de Antealtares, en Compostela. Este mosteiro foi o que deu topónimo ao barrio e a súa condición feminina á parroquia. A primitiva igrexa foi de planta rectangular, dunha nave, con ábsida tamén rectangular. Logo, co paso do tempo, sufriría adicións. A nave en orixe tiña tres accesos: o principal e dous secundarios máis sinxelos e pequenos, actualmente tapiados, de probable comunicación co resto de dependencias do mosteiro na fachada meridional. Así mesmo, posuía seis ventás tipo seteira das que só se conservan cinco. Todas presentan derramo ao interior e rematan en arco de medio punto en aresta viva que apoia en dúas columnas cilíndricas monolíticas e lisas. Estas posúen bases de perfil ático, con poutas, e capiteis decorados con vexetación diversa agás tres historiados. Tamén a ábsida está dotada de iluminación natural a través doutras dúas seteiras en orixe similares ás anteriores, que non manteñen a proposta inicial. Ambas as dúas están entre senllas columnas entregas sobre as que descargan dous arcos faixóns ou perpiaños. Os capiteis correspondentes ao par occidental están barbaramente rasurados en tanto os dous orientais manteñen escultura historiada. No do norte aprécianse catro figuras que de esquerda a dereita poden describirse do xeito seguinte: un personaxe sentado cun libro aberto, outros dos personaxes, quizais tamén sentados, agarrando algo conxuntamente ou agarrándose entre si e, o último, un anxo coas ás abertas ao tempo que fai unha xenuflexión. O do sur presenta outras catro figuras: no centro aparece a Virxe co Neno no brazo esquerdo en tanto co dereito efectúa acción de bendicir, xesto que repite o neno; a ambos os lados cadansúa figura de longas vestimentas sosteñen a túnica da Virxe. Esta escultura dátase como do terceiro cuarto do século XII. Para finalizar a descrición da ábsida, mencionar que o teito foi resolto mediante bóveda granítica de canón, algo peraltada, sobre os arcos faixóns xa citados. Exteriormente a fábrica pétrea preséntase lisa sendo o punto de máximo interese a portada occidental. Compóñena tres arquivoltas en arco semicircular decorado, sobre dous pares de columnas as exteriores e sobre xambas a interior. O tímpano, formado por cinco doelas, presenta chafrán con bólas e carga sobre lintel liso. As columnas, todas cilíndricas lisas e monolíticas, son acaroadas con capiteis e bases entregas, estas de perfil ático e plinto decorado e aqueles con escultura vexetal (tres) ou historiada (un). Interiormente a portada mostra dúas arquivoltas. Toda a escultura aplicada esta moi erosionada. Os canzorros e cornixa románica, tanto da nave coma da ábsida, desapareceron con motivo das varias reformas ás que foi sometida a igrexa. Parte dos canzorros orixinais, tras unha casual localización de 24 unidades no Museo Diocesano de Tui, están instalados a xeito de testemuño nun muro lateral da nave. Como xa se dixo, a igrexa sufriu diversas modificacións ao longo do tempo, algo bastante habitual, sendo as de maior calado as efectuadas a partir do XVIII, despois de desvincularse do mosteiro. Entre elas cabe destacar a ampliación que sufriu na fachada norte a finais do XVIII ou inicios do XIX co fin de emprazar a sancristía e, seguramente en paralelo, unha nova capela, a do Cristo. A execución destas obras levou aparellada a apertura dunha porta no muro lateral do presbiterio, o tapiado dunha das ventás da ábsida e a apertura dun gran van baixo arco semicircular na parede da nave coa conseguinte mutilación da liña de impostas e a desaparición dunha seteira. A sancristía e a capela están teitadas con bóveda de canón en pedra e na primeira consérvase unha curiosa almofía granítica. De finais do XVIII tamén deben proceder o muro piñón de remate da fachada occidental e a torre-campanario levantada sobre a aresta noroeste.

PictographReligious site Altitude 833 ft
Photo ofCapela de San Cibrán.

Capela de San Cibrán.

Non se sabe con certeza a súa orixe, se ben podería proceder dunha fundación ou capelanía dalgunha familia podente da parroquia, costume que tivo o seu apoxeo entre os séculos XVI e XVIII. En todo caso quizais conveña non esquecer a proximidade respecto dela do asentamento precristián descuberto no Monte do Castro, o cal puido ser motivo para o establecemento dalgún oratorio coa idea de cristianizar o lugar ao que esta rematou por substituír. Os historiadores Pallares e Portela citan o topónimo (San Ciprian) como procedente do século XII polo que esta tese parece a máis probable. Segundo datos conservados no Arquivo Diocesano de Tui, xa existía en 1806. Como toda obra, sufriu diversas reformas e modificacións ao longo do tempo executándose unha delas en 1940, quizais a actual espadana, segundo recolle a inscrición en alto relevo que esta presenta. Máis tarde, na década dos noventa do século pasado, é sometida a outra de consideración que lle achega a imaxe actual. A capela ten planta rectangular con ábsida de igual altura e ancho que a nave separándose desta mediante arco de medio punto, a xeito de triunfal, que, sumado a outro de igual trazada emprazado na metade da citada nave, suxeitan a bóveda de canón. Esta arranca dunha moldura pétrea que funciona como liña de impostas. A capela, orientada estrañamente segundo o eixe sur-norte, ten pegada polo lateral de nacente a sancristía. Os seus muros están constituídos a base de cachotaría de granito con contrafortes exteriores. A fachada de acceso é lisa e simétrica segundo eixe vertical sobre o que se sitúa a porta de entrada rematada en arco de tres doelas a xeito de lintel. Sobre ela un pequeno rosetón circular pétreo con seis orificios en forma de aspa. Remata o lenzo unha dobre moldura cóncava que, iniciándose en ambos os dous aleiros en posición horizontal, sobe para rematar en correspondentes volutas centradas baixo unha peaña de asento da espadana de dobre van rematada en frontón semicircular coroado por unha cruz entre dous pináculos. Tanto a cuberta da nave como da sancristía están resoltas a dúas augas e rematadas en tella curva que forma beiril sinxelo sobre cornixa de granito. Os muros do cabeceiro da capela e da sancristía rematan en pincho con capeado de pedra.

PictographReligious site Altitude 128 ft
Photo ofIgrexa de San Martíño de Borreiros.

Igrexa de San Martíño de Borreiros.

A primeira noticia dunha igrexa nesta parroquia fornécea Enrique Flórez na súa voluminosa obra España Sagrada, e corrobóraa o historiador Ávila y La Cueva, emprazándoa no ano 1170, cando o rei Fernando II a doa ao Bispo de Tui. Da edificación románica nada queda. A actual, polo menos a capela maior, foi construída en 1785 segundo indica unha inscrición exterior no cabeceiro: ESTA CAPILLA SE HIZO/SIENDO ABAD LIZENCIADO DON LOIS CAS/TRO AÑO DE 1785. A parroquial, con intervencións de influencia barroca, é basilical dunha soa nave con incorporación pegada ao muro setentrional da sancristía, unha capela e un pórtico aberto para reunións, que en tempos foi bastante habitual no Miñor. No muro meridional chama a atención a desigualdade da fábrica de granito, consecuencia das diferentes reformas sufridas polo templo, a gran porta tapiada en arco de medio punto e o reloxo de sol do ángulo sueste. A fachada de acceso é de traza moi contida composta en simetría sobre o eixe vertical e coroada por espadana de dous corpos e remate; o primeiro de dobre van e o segundo de van sinxelo. Os muros exteriores deste templo alcanzan un espesor de 1,30 m. Interiormente chaman a atención os varios nichos, as diferenzas de espesor nos muros e o teitume de todo o templo resolto a base de notable cantería de granito en forma de bóveda de canón. A nave e o presbiterio quedan separados por un arco triunfal apoiado en pilastras.

Photo ofCapela da Virxe da Luz

Capela da Virxe da Luz

Sitúase no barrio da Xunqueira. Segundo inscrición conservada nunha das doelas do arco da fachada occidental, foi construída no primeiro terzo do XVIII: ANO DE 1723. A lenda completa, que seguramente nos achegaría datos de interese, é de difícil transcrición debido ao seu alto grao de erosión. En todo caso, é posible que a orixe da obra estea relacionada coa fundación dunha capelanía por parte dalgunha familia economicamente forte da parroquia, costume que tivo o seu apoxeo entre os séculos XVI e XVIII. A capela, inicialmente de planta rectangular con ábsida de menor altura separada da nave mediante arco triunfal de medio punto, ten pegada no muro norte a sancristía. Nalgún momento a nave sufriu un incremento de altura que se revestiu en pedra coa chegada do cambio de milenio. A fachada occidental, rematada en pequena espadana dun só van, conserva a estereotomía da antiga portada parcialmente tapiada. Consistía nun gran arco semicircular apoiado sobre xambas rectas rematadas en peaña moldurada. É posible que en orixe a capela non tivese portas cubrindo esta portada, sendo o interese por colocarlla a razón que xustifica o tapiado parcial.

Comments

    You can or this trail