Activity

7. Mañufe. De San Vicente a San Sebastian do Portelo

Download

Trail photos

Photo of7. Mañufe. De San Vicente a San Sebastian do Portelo Photo of7. Mañufe. De San Vicente a San Sebastian do Portelo Photo of7. Mañufe. De San Vicente a San Sebastian do Portelo

Author

Trail stats

Distance
2.29 mi
Elevation gain
249 ft
Technical difficulty
Moderate
Elevation loss
249 ft
Max elevation
262 ft
TrailRank 
30
Min elevation
0 ft
Trail type
Loop
Coordinates
70
Uploaded
October 11, 2018
Recorded
October 2018
Be the first to clap
Share

near Verdeal, Galicia (España)

Viewed 258 times, downloaded 16 times

Trail photos

Photo of7. Mañufe. De San Vicente a San Sebastian do Portelo Photo of7. Mañufe. De San Vicente a San Sebastian do Portelo Photo of7. Mañufe. De San Vicente a San Sebastian do Portelo

Itinerary description

Deixou escrito Ávila y La Cueva que esta parroquia no século XIII recibía o nome de Monufi. En todo caso, Mañufe é un topónimo de orixe xermánica procedente do nome persoal Maniulfus. Esta ruta percorre parte dos barrios máis centrais da parroquia e visita algunhas das pezas de maior interese histórico ou arquitectónico. Durante o traxecto teremos catro oportunidades, entre bares e restaurantes, para adquirir auga ou atender outras necesidades.

Waypoints

PictographWaypoint Altitude 82 ft
Photo ofParroquial de San Vicente.

Parroquial de San Vicente.

A primeira noticia desta igrexa procede de mediados do século XII, se ben, posiblemente, os restos máis antigos do templo sexan unha parte do muro sur da nave principal que en todo caso son moi posteriores, seguramente da Idade Moderna. É probable que inicialmente a igrexa tivese planta lineal, rematada nunha capela maior ou ábsida. Foi a consecuencia das profundas obras de reforma e mellora efectuadas en 1722 que probablemente se introduce o cruceiro, coa incorporación das naves laterais, e, algo despois, constrúese a actual capela maior ao tempo que se dota a obra do unitario estilo barroco que actualmente a caracteriza, converténdose no principal exemplo relixioso deste movemento arquitectónico no municipio. Algo máis tarde introdúcese no cuadrante sueste outro cubículo para localización da sancristía. Exteriormente a ábsida presenta maior altura que o resto das naves e gran traballo de cantería, sobre todo nos capiteis compostos das pilastras de esquina e nunha curiosa ventá do vento norte. Similar pericia presentan os traballos da fachada occidental rematada en torre-campanario pechada por cupulín. Conta a tradición que, de tan satisfeito tras ver o seu traballo, o mestre canteiro desta, de orixe portuguesa para máis sinais, quixo deixar constancia de si e autorretratouse coroando o citado cupulín mentres sostén unha cruz que serviu de base a un cataventos. Interiormente, os teitos están resoltos a base de bóvedas, de distinta tipoloxía formal, e materializados en ladrillo cerámico e madeira, en ambos os dous casos rematadas con revocadura e pintura. Baixo o arco triunfal conserva dous púlpitos, un a cada lado, coroados por respectivos tornavoces decorados. Ademais, o templo acubilla excelente imaxinaría do XVII ou XVIII como, por exemplo, un Cristo Resucitado e un san Vicente. Actualmente a igrexa, seguindo unha inculta moda, foi desposuída dos encalados exteriores e interiores tan propios do barroco galego e, ademais, substituíuselle a tradicional porta de madeira por unha reixa metálica.

PictographWaypoint Altitude 49 ft
Photo ofCorredoira do Verdeal.

Corredoira do Verdeal.

Antigo camiño encaixado entre muros e portais de acceso ás distintas propiedades que o delimitan. Iníciase no recinto de festas da parroquial, contiguo ao terreo do Pazo Mendoza, e, conducindo en dirección ao Verdeal e ao Lameiro, remata no que comunica A Ponte co barrio da Cruz, camiño este de orixe prerromana segundo defende a profesora Elisa Ferreira; xusto a carón da casa onde na segunda metade do XIX nace o indiano benfeitor da parroquia Leopoldo Pérez Alonso.

PictographWaypoint Altitude 20 ft

Ribeira do Río do Torno.

Na Chan do Cereixo nacen os ríos Loureiro e o da Teixugueira; este na cartografía oficial aparece referenciado como Río Pequeño. Ao Río Loureiro úneselle por debaixo do xogo de bolos de San Sebastián, nas Presas, o Río da Costa formando o Río Folón. Esta rede hídrica termina por xuntarse nos Lavadouros dando pé ao Río Torno. Os terreos que rodean a parte baixa do curso deste último sempre estiveron dedicadas a cultivo agrícola, agora moito menos, cun tramo final moi húmido. En tempo de chuvias non é nada estraño que as ribeiras se inunden. Nas inmediacións inda se mantén o topónimo As Poldras, indicio inequívoco da existencia en tempos dun deste tipo de pasos.

PictographWaypoint Altitude 33 ft
Photo ofVistas panorámicas. Viñas e campos.

Vistas panorámicas. Viñas e campos.

A senda elixida a esta altura do traxecto, a que comunica a contorna das Poldras co lugar das Pereiras, rodeada de campos de cultivo e viñas en lata, variante propia da provincia de Pontevedra cada vez máis substituída polo espaller debido ás melloras que implica nas condicións de mantemento da vide e asollamento das uvas, ofrece unha bucólica vista sobre a torre-campanario da igrexa detrás da casa socio-cultural da parroquia.

PictographWaypoint Altitude 48 ft

Foto

Foto

PictographWaypoint Altitude 56 ft

Camiño real de Tui a Baiona.

Tramo dun dos camiños máis importantes da antiga provincia de Tui durante o Antigo Réxime. O seu acomodo ao transito actual e as descoidadas intervencións ao longo do tempo fixeron que perdese moito do seu orixinal carácter. Neste traballo dedícaselle unha ruta monográfica.

PictographWaypoint Altitude 59 ft
Photo ofA casa do Silva.

A casa do Silva.

Decidimos parar nesta casa para colocala como mostra de edificación tradicional con uso a vivenda incluída entre as de tipoloxía "a fronte pública". A súa fachada, rematada neste caso en muro pincho, presenta balcón no primeiro andar e porta, á que se chega dende o camiño a través duns chanzos de granito, na baixa. En década non moi afastada a casa foi sometida a obras de discutible acerto. O terreo posúe un notable hórreo do tipo Mañufe situado sobre o muro que a separa do camiño intentando ocupar deste xeito a mínima superficie posible de terra cultivable.

PictographWaypoint Altitude 242 ft
Photo ofCapela e cruceiro de San Sebastián. Vistas panorámicas.

Capela e cruceiro de San Sebastián. Vistas panorámicas.

No Arquivo Diocesano de Tui consérvanse documentos datados entre 1716 e 1957 da confraría radicada nesta ermida, responsable de fomentar e soster o culto ao citado mártir. A ermida sitúase no Portelo, sobre unha terraza que domina en dirección norte a veiga agrícola da parroquia cara ao Miñor. A localización é moi similar ao da próxima Pousa de Moldes. Trátase dunha pequena edificación de 287 m2, de planta rectangular, grosos muros e cuberta a dúas augas. A fachada poñente presenta portada en arco de medio punto apoiado sobre xambas e sobre a porta, rematando o muro piñón que a conforma, aparece unha minúscula espadana baixo a que se empraza un pequeno nicho que dá acubillo a unha imaxe pétrea de San Sebastián, bastante erosionada, posiblemente do século XVIII. A capela cando menos é do século XVII e foi fundada por devoción popular sen, ata a data, existir confirmación da causa que a impulsou. No recinto de festas existe un cruceiro que foi recomposto en 1971 con restos dunha estación do viacrucis da parroquial. Na base do varal, formando parte dunha inscrición devocional máis extensa, lese a data de erección do primeiro deles: 1637, quizais a mesma que a capela.

PictographWaypoint Altitude 144 ft
Photo ofCasa de la Sierpe.

Casa de la Sierpe.

Casa de la Sierpe. Casa dotada de certa singularidade en orixe. Distintas ramas da familia fundadora, os "de la Serpe", estiveron emparentadas e chegaron a ser propietarios doutras casas importantes do municipio, como a de dona María en Mañufe ou Pampillón en Vilaza. Na actualidade a casa funciona como restaurante tras reformas de adaptación executadas ao bordo do cambio de milenio.

PictographWaypoint Altitude 220 ft

Casa forte de Moldes e capela de San Brais.

A súa antigüidade remóntase ao século XIV, conservando numerosas "marcas de canteiro" na fábrica. Foi fundada polos Suárez de Deza, segundo testemuña o escudo de armas da fachada norte. Este brasón só se diferenza do da Torre de Tebra, no municipio de Tomiño, en que unha das flores de lis está substituída por unha cruz de Calatrava, quizais por pertencer a esa Orde o fundador. Álvaro Suárez de Deza, instaurador do morgado de Tebra, fixo constar no seu testamento, en 1566, que era propietario do couto de Moldes. Esta casa xa tiña convertida en leñeiro a antiga capela de san Brais no ano 1951. A tradición popular di que a devandita capela en tempos foi sede dunha antiga romaxe parroquial en conmemoración do mencionado santo cuxa procesión conmemorativa baixaba ata o cruceiro de Piquetes. Nas décadas finais do XX devolvéuselle o uso ao recinto, aínda ben só sexa como lugar de recollemento e meditación familiar. Un recinto que aínda conserva secuelas dos cambios a que foi sometido ao longo do tempo nos ocos de iluminación. A edificación principal, de planta rectangular, dúas alturas e localización dominante sobre o val, na segunda metade do século XX, foi baleirada e adecuada aos usos e necesidades do momento, para o cal a súa fábrica viuse sometida a modificacións hoxe dificilmente entendibles como pode ser a reconstrución case integral da fachada sur.

PictographWaypoint Altitude 155 ft
Photo ofCruceiro de Piquetes. Antiga taberna.

Cruceiro de Piquetes. Antiga taberna.

Está situado na encrucillada que forma a antiga calzada real co camiño de Cristillón. Nada se sabe da súa fundación pero se nos atemos á tipoloxía das figuracións da cruz, moi pegadas aos paus e sen perspectiva, ás dimensións dos citados paus e ao tipo de capitel, podería datarse como de principios do XVII. É unha moi notable peza dotada das características que definen as máis xenuínas manifestacións da cultura popular do campesiñado galego. Ata este cruceiro, que na actualidade non ten culto, chegaban as procesións da festividade de San Brais celebradas na capela da Pousa de Moldes antes de que pasasen a celebrarse na parroquial. Como en tantos casos, o ámbito está totalmente contaminado por postes das compañías de electricidade e telefonía e os correspondentes cables, algo que por si mesmo fala da falta de sensibilidade e respecto ao patrimonio de tales empresas. A carón do cruceiro quedan os restos dunha antiga taberna, coñecida como A do tío José de Matilda, emprazada fronte á Casa do Carrexón, onde a vida se gañaba transportando mercadorías en carros de bois.

PictographWaypoint Altitude 56 ft
Photo ofCasa de dona María.

Casa de dona María.

Casa fundada posiblemente na primeira metade do século XVII, sobre a que se instituíu un morgado. A finais dese século era propietario o capitán Jerónimo de Seya y Mariño, de San Pedro de Filgueiras, que a vende con todo o morgado a Pedro de Puga y Novoa, de Bembrive. No século XVIII xa era o seu propietario un "de la Sierpe", Manuel Antonio de la Sierpe Troncoso y Lira. A súa herdeira María Jesús de la Sierpe foi quen deu nome popular á casa. A familia "de la Serpe" tivo outra casa en Mañufe, aos pés da ermida de San Sebastian, aínda parcialmente conservada. Esta casa foi residencia dun inquisidor do Santo Oficio cuxas armas se mostran sobre o brasón pétreo que coroa o lintel do portalón de entrada ao patio aberto ante a casa. Hoxe a edificación presenta planta en forma de T como consecuencia da ampliación dun corpo, no vento nacente, á inicial tipoloxía rectangular. Toda a obra está moi transformada. Ao outro lado do camiño mantense, aínda modificada, a Fonte do Romaio.

PictographWaypoint Altitude 79 ft
Photo ofCristillón, conxunto de carácter etnográfico.

Cristillón, conxunto de carácter etnográfico.

Ao seu paso por Cristillón o camiño circunvala un grupo de casas dos séculos XVIII e XIX, de clara presenza vernácula, construídas en granito e dotadas de forte cromatismo en portas e ventás de madeira, acompañadas de diversas edificacións complementarias e correspondentes leiras cultivadas.

PictographWaypoint Altitude 59 ft
Photo ofCemiterio hixienista.

Cemiterio hixienista.

Cemiterio hixienista. É un dos máis recentes cemiterios hixienistas do municipio; constrúese en 1929 con grande achega do indiano e filántropo da parroquia Leopoldo Pérez Alonso. En 1931, xa constituída a República, remátase a capela que o preside. No seu momento foi o máis monumental do municipio, característica minguada nas últimas décadas do século XX como consecuencia de ter enchido os sectores centrais, inicialmente previstos para sepulturas en terra, con propostas de moi baixa calidade arquitectónica que, ademais, impiden aceptables perspectivas sobre o conxunto. Posúe bos traballos de cantería en panteóns que, non obstante, mostran sempre formas e estilos eclécticos. Algúns presentan esculturas de certa calidade se ben, en xeral, de carácter decimonónico; só o mural rectangular dun frontón dunha edificación central escapa a esta máxima. A obra arquitectónica e escultórica está sen catalogar. Tamén presenta traballos de forxa de interese.

PictographWaypoint Altitude 66 ft

Casa veciñal.

Edificación construída no bienio 2004-2005 con vocación socio-cultural. Funciona como punto de encontro para moitos paisanos e nela celébranse diversas actividades ao longo do ano. Na planta baixa emprázase unha cafetaría-bar de libre acceso.

PictographWaypoint Altitude 66 ft

Pazo de Mendoza.

Foi fundado na segunda metade do século XVIII por Policarpo de Mendoza, deán da catedral de Santiago dende 1751, onde está enterrado, e cabaleiro da Orde de Carlos III. A súa nai, María del Espíritu Santo Rodrigo segundo datos erróneos da partida de bautismo, en realidade María Rodríguez Mendoza, era da casa de Moreira, en Mañufe, quizais situada neste mesmo terreo. O nome actual, "Pazo da Escola", é consecuencia do uso ao que estivo sometida unha das súas partes a principios do XX, que mantido no tempo agora designa o conxunto dedicado a hospedaxe e hostalaría. É un edificio en forma de U, cunha á pouco desenvolvida, de traza barroca, que posúe ampla solaina porticada sobre soportal pétreo e gran lareira con forno e cambota rematada nunha das chemineas máis monumentais do Val de Miñor. Na fachada leste conserva un brasón coas armas do fundador. Co obxecto de adecualo aos usos citados, foi sometido a obras de rehabilitación a finais do XX baixo supervisión do Servizo Provincial de Patrimonio. Teñen interese as edificacións adxectivas e o xardín tradicional de froiteiras.

PictographWaypoint Altitude 73 ft
Photo ofCruceiro da Fe e campo da festa.

Cruceiro da Fe e campo da festa.

O adro, valado por unha celosía pétrea, está parcialmente pavimentado coas tapas graníticas das tumbas do antigo cemiterio e conserva distintas estacións do viacrucis. No ante-adro sitúase o campo da festa ou torreiro. Este, elevado sobre o camiño que o separa do Pazo de Mendoza mediante muro de cachotaría de granito, conserva un palco de música, o cruceiro da Fe e parte do antigo arboredo que sombreaba o recinto. O palco, sufragado polo indiano local Leopoldo Pérez Alonso, foi construído en fábrica de granito e fundición de ferro en 1922. O cruceiro, que posúe todas as partes integrantes dos máis completos, posiblemente sexa o de maior altura física do municipio. Estilisticamente presenta dúas partes diferenciadas: a cruz e o resto; o que leva a pensar que foi executado por mans distintas. A media altura do varal, tallada na mesma peza granítica, presenta unha figura de muller cos ollos vendados e senllos obxectos en ambas as dúas mans: un cáliz na dereita e un libro na esquerda. Esta imaxe, ben traballada e proporcionada, interprétase como unha representación da fe. Aínda que debido á alta erosión que presenta a lenda existente no pedestal non é doado transcribila sen a axuda dunha tecnoloxía que non posuímos, ao amparo das características estilísticas entendemos que non debe ser anterior a 1700.

PictographWaypoint Altitude 144 ft

Pousa de Gómez.

Outra de tantas casas grandes do municipio practicamente desaparecidas por decadencia económica. Esta, vinda a menos e maltratada por sucesivas reformas, posuíu ata a segunda metade do XX un escudo de armas colocado na fachada, xusto sobre as escaleiras que conducen ao corredor. Algunha vez serviu de escenario cinematográfico.

Comments

    You can or this trail